Saturday 04 de May de 2024

Suspensión de actividades e peche de edificios municipais en Moeche pola crise sanitaria do coronavirus


  • Como consecuencia da crise sanitaria creada polo COVID-19, e seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade e da Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas preventivas que contribúan a frear a propagación do coronavirus entre a poboación, o Concello de Moeche vén de adoptar as seguintes decisións, que se manterán desde hoxe 13 de marzo ata novo aviso,  adaptándose á situación epidemiolóxica de cada momento. Estas medidas poderán ser ampliadas ou reducidas en función das directrices que establezan as autoridades sanitarias competentes.

O Concello de Moeche acorda a suspensión desde o venres 13 de marzo de todas as actividades culturais, educativas, deportivas (actividade da Aula Tic, da biblioteca municipal, das escolas deportivas , infantís e de persoas adultas, obradoiro de memoria e similares).

Así mesmo, acórdase a suspensión de todas as actividades sociais organizadas por terceiros nas instalacións municipais, como cursos, obradoiros e outros.

Suspéndese desde o venres 13 de marzo ata novo aviso a celebración das feiras mensuais do 11 e 23, o mercado do gando dos martes e do mercado dos sábados pola mañá. Tan axiña como as condicións o permitan restaurarase a celebración das feiras mensuais e mercado.

Respecto á celebración do 23 de abril, comunicarase  con antelación a súa celebración ou non en función da evolución da situación e das directrices do Goberno  do Estado e da Xunta de Galicia

Péchase ao público desde o venres 13 de marzo  e ata novo aviso as seguintes instalación de titularidade municipal:

  • Castelo de Moeche
  • Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade), Local sociocultural de Abade, Local do Pereiro (San Xurxo), Local da Casabranca (antiga biblioteca), Biblioteca municipal e Aula informática e Polideportivo municipal.
  • Naves do recinto feiral.

Nas instalacións municipais cedidas a entidades  sen fins de lucro ou  concesionadas a particulares deberanse respectar as normas feitas públicas na maña do dia 12 de  marzo pola Comisión Interdepartamental da  Xunta de Galicia referidas á celebración de reunións ou eventos en recintos pechados ou abertos cando o seu aforo sexa superior a 50 persoas.

Os Plenos municipais de  obrigada e necesaria realización desenvolveranse a porta pechada.

Lémbrase á veciñanza que, de querer evitar desprazamentos non  imprescindibles,  poden realizar xestións municipais por teléfono (981 404 006)  ou ben por vía telemática (www.moeche.gal).

Tamén se recorda que, seguindo as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade, en caso de ter algún síntoma leve coincidente cos da enfermidade -tose, febre ou dificultade para respirar-, deberase contactar co teléfono de información á cidadanía  900 400 116. Se os síntomas son máis graves e persistentes, se se viaxou a unha zona de risco das declaradas polo Ministerio ou se se tivo contacto con algunha persoa que dese positivo, débese chamar directamente ao 061.

En calquera caso recoméndase:

  • Evitar os espazos nos que se produzan aglomeracións de xente
  • Non realizar visitas a residencias de maiores nin hospitais a excepción de casos de extrema necesidade.
  • Informarse directamente na  páxina  do Ministerio  de Sanidade (https://www.mscbs.gob.es/) ou da Xunta de Galicia (https://coronavirus.sergas.gal/co fin de evitar a propagación de “bulos” alarmistas.–